APARELLO DIXESTIVO
Na nutrición están implicados os aparellos dixestivo (inxestión, dixestión e absorción de nutrientes), respiratorio (obtención do osíxeno e eliminación de dióxido de carbono), circulatorio (transporte de nutrientes, de refugallos e de O2 e CO2) e excretor (eliminación das substancias de refugo).
O aparello dixestivo transforma os alimentos en substancias máis sinxelas, para que poidan ser absorbidas e utilizados polas células, e elimina os restos non dixeridos. O aparello dixestivo está formado polo tubo dixestivo que mide uns 10 m (boca, farinxe, esófago, estómago, intestino delgado e intestino groso) e polas glándulas dixestivas (glándulas salivares, o fígado e o páncreas).
ANATOMÍA DO APARELLO DIXESTIVO
BOCA : cavidade de entrada dos alimentos ao tubo dixestivo. Ten lingua (músculo que move o alimento e mestúrao coa saliva), dentes (serven para mastigar os alimentos) e glándulas salivares (que producen saliva).
FARINXE : conducto común ao aparello respiratorio. Por el pasa o alimento desde a boca ata o esófago. Un repregamento chamado epiglote impide que o alimento pase ás vías respiratorias.
ESÓFAGO : tubo musculoso que comunica a farinxe co estómago. As súas paredes permiten que o alimento avance ata o estómago.
FÍGADO : glándula produtora de bile que se almacena na vesícula biliar.
PÁNCREAS : glándula produtora do zume pancreático que se verte no duodeno e completa a dixestión dos alimentos.
ESTÓMAGO : ensanchamento do tubo dixestivo. A entrada dos alimentos chámase cardia e a saída píloro. A dixestión realízase grazas á secreción do zume gástrico.
INTESTINO DELGADO : tubo de 6 m que se atopa pregado na cavidade abdominal. As súas paredes internas forman pregues chamadas pilosidades intestinais. Nel complétase a dixestión e ten lugar á absorción da maior parte de substancias nutritivas. Divídese en 3 rexións : duodeno, xexuno e íleo.
INTESTINO GROSO : comunícase co exterior polo ano. As súas paredes absorben auga e sales minerais. Divídese en 3 rexións : cego, colon e recto. Do cego sae o apéndice vermiforme.
AS FUNCIÓNS DIXESTIVAS
As funcións dixestivas permiten que os alimentos sexan transformados en nutrientes no tubo dixestivo, para ser transportados ás células onde serán utilizados. Comprenden os seguintes procesos :
- INXESTIÓN : entrada de alimentos, triturados polos dentes e onde se mesturan coa saliva na boca.
- DIXESTIÓN : transformación dos alimentos en nutrientes para ser utilizados polas células. A dixestión prodúcese por dous tipos de acción : - mecánicas (cortar, triturar e remover os alimentos na boca e no estómago) – químicas (transformación dos alimentos en compostos máis sinxelos).
- ABSORCIÓN : os nutrientes obtidos na dixestión atravesan o tubo dixestivo e son transportados polos vasos sanguíneos.
- EXESTIÓN : eliminación ao exterior das substancias non dixeridas ou non aproveitables dos alimentos.
PROCESOS DIXESTIVOS
INXESTIÓN
- MASTIGACIÓN (na boca) : é unha acción mecánica. Os alimentos son mastigados polos dentes : incisivos (cortan), caninos (desgarran), premolares e molares (trituran).
- INSALIVACIÓN (na boca) : é unha acción química. Mestura do alimento coa saliva producida polas glándulas salivares (parótides, submaxilares e sublinguais).
A lingua axuda nos procesos anteriores.
- DEGLUTICIÓN (na farinxe e no esófago) : paso do bolo alimenticio (alimentos mastigados e empapados en saliva) desde a boca ao estómago. Primeiro, de forma voluntaria, pasa á farinxe e ao esófago, e despois, de forma involuntaria pasa ao estómago mediante os movementos peristálticos. Entra no estómago a través do cardia.
DIXESTIÓN
- DIXESTIÓN GÁSTRICA (no estómago) : comprende dixestión mecánica polos movementos peristálticos das paredes do estómago e dixestión química polo zume gástrico, que contén ácido clorhídrico. Aquí fórmase unha papa ácida chamada quimo, que pasa a través do píloro ao intestino delgado.
- DIXESTIÓN INTESTINAL (no intestino delgado) : no duodeno, o quimo mestúrase co zume intestinal (producido polo intestino), co zume pancreático (producido polo páncreas) e coa bile (producida polo fígado e axuda a dixerir as graxas). Aquí fórmase unha papa abrancazada chamada quilo.
ABSORCIÓN (no intestino delgado) : os nutrientes, produtos da dixestión, pasan ao sangue a través das pilosidades intestinais, pregues internos da parede do intestino delgado con vasos sanguíneos no seu interior que levan os nutrientes a todas as células do corpo.
EXESTIÓN (no intestino groso) : os residuos da dixestión transfórmanse nas feces fecais que pasan ao recto e elimínanse através do ano. Hai bacterias simbióticas que descompoñen os residuos da dixestión e producen os gases intestinais, e sintetizan vitaminas (K, B12).
ENFERMIDADES DO APARELLO DIXESTIVO
CARIES : enfermidade infecciosa producida por bacterias. Hai que reducir o consumo de doces, cepillarse os dentes despois de cada comida e ir ao dentista regularmente.
ESTRINXIMENTO : trastorno que dificulta a evacuación das feces. Débese ao estrés, a certos fármacos, e a dietas pobres en fibra vexetal.
ÚLCERAS : feridas que se abren na parede interna do tubo dixestivo. Débense ao estrés, a infección pola bacteria Helicobacter pylori.
GASTROENTERITE : inflamación da mucosa do estómago e intestino, que impide a absorción de auga producindo feces moi líquidas (diarrea) e vómitos. Débese a infeccións de virus e bacterias.
CIRROSE HEPÁTICA : enfermidade crónica que provoca a morte progresiva do tecido do fígado. Débese casi sempre por consumo excesivo de alcohol.
APARELLO RESPIRATORIO
A respiración celular consiste na oxidación dos nutrientes para obter enerxía. Para iso necesítase O2 e libérase H2O e CO2. A respiración é o proceso mediante o cal o noso organismo capta osíxeno (O2) do aire atmosférico, lévao ao sangue e expulsa ao exterior o dióxido de carbono (CO2). Na respiración hai dúas etapas :
A VENTILACIÓN PULMONAR
A ventilación pulmonar é a entrada de aire atmosférico nos pulmóns e despois sae deles á atmosfera.
Consta de dous procesos :
- A INSPIRACIÓN : é a entrada de aire. Contráense os músculos intercostais e o diafragma e reláxanse os músculos abdominais. O volume da caixa torácica aumenta.
- A EXPIRACIÓN : é a saída de aire. Reláxanse os músculos intercostais e contráense os músculos abdominais. A caixa torácica diminue o seu tamaño.
ANATOMÍA DO APARELLO RESPIRATORIO
O aparello respiratorio está formado polas vías respiratorias (fosas nasais, farinxe, larinxe, tráquea e bronquios e bronquiolos) e os pulmóns. A entrada e saída de gases pódese realizar pola boca e polo naríz.
FOSAS NASAIS : no seu interior teñen a pituitaria que é a responsable de quentar e humedecer o aire.
FARINXE : é a cavidade común ao aparello dixestivo. Aquí atópanse as amígdalas que posuen células defensivas. Tamén está a epiglote que impide que os alimentos entren nas vías respiratorias.
LARINXE : é un tubo curto onde se atopan as cordas vocais que ao vibrar emiten sons.
TRÁQUEA : é un tubo que percorre o pescozo e que conduce o aire deica os pulmóns. Está formada por aneis de cartilaxe.
BRONQUIOS : son dous tubos que desembocan nos pulmóns. Estes tubos vanse ramificando dando lugar aos bronquiolos. Ao final dos bronquiolos ensánchanse xerando os alvéolos. Os alvéolos pulmonares son uns saquiños moi finos nos que se produce o intercambio gasoso co sangue. O O2 pasará ao
sangue e recollerá do sangue o CO2.
PULMÓNS : son dous órganos formados por un tecido esponxoso. Están dentro da caixa torácica protexidos polas costelas e rodeados de dúas membranas, as pleuras (cheas de líquido pleural). O pulmón dereito é maior co esquerdo, xa que este debe deixar sitio ao corazón.
O INTERCAMBIO DE GASES
O aire cargado de osíxeno entra polas fosas nasais que o quenta, humedece e limpa de partículas quedando retidas polo moco. Segue pola farinxe e a larinxe cara a tráquea. Da tráquea pasa aos bronquios e destes aos bronquiolos, para rematar nos alvéolos pulmonares, que se atopan rodeados de capilares sanguíneos. O intercambio de gases (osíxeno e dióxido de carbono) entre o medio interno e o externo ten lugar nos alvéolos pulmonares. Realízase por difusión desde o lugar de maior concentración ao de menor. O osíxeno pasa dos alvéolos aos capilares sanguíneos e o dióxido de carbono en sentido inverso. O sangue cargado de osíxeno, reparte este gas ás células do organismo e recolle o dióxido de carbono, para levalo aos pulmóns.
ENFERMIDADES DO APARELLO RESPIRATORIO
BRONQUITE : enfermidade inflamatoria dos bronquios debida á infección dunha bacteria (moco, tos).
ASMA : prodúcese por un estreitamento temporal dos condutos respiratorios que provoca falta de osíxeno nos tecidos e dificulta a respiración (tos, falla de alento, asubio ao respirar).
TUBERCULOSE : enfermidade contaxiosa producida por unha bacteria que destrue o tecido pulmonar. Pode afectar ao cerebro e aos riñóns.
ARREFRIADO E GRIPE : infeccións moi contaxiosas das vías respiratorias, producidas por virus (cansanzo, espirros, moco, irritación da gorxa, dores musculares, calafríos e febre)