martes, 27 de marzo de 2012

resumen do libro ás de bolboreta 3º eso

                                                                      RESUMO I
Un café da cidade é o lugar polo que van transitar ao longo da mañá toda clase de persoas con diferentes intereses e situacións persoais. Cadaquén coa súa propia historia vai colaborando no deseño dunha colaxe que remata por nos dar unha visión global da sociedade actual no mundo.
"O escenario principal é unha cafetería de Santiago de Compostela, o Luzada, rexentado por Patricia,
unha muller que se fixo cargo do local nun momento en que vía inviábel proseguir coa súa formación académica. No Luzada conflúen unha morea de personaxes cuxas vidas iremos descubrindo ou máis ben intuíndo a través de estampas impresionistas e conversas collidas ao voo que revelan verdades entre liñas. Coñeceremos así a Eusebio e Lola, os anteriores donos do bar, que loitan en soidade contra as dificultades que se derivan da vellez e da perda progresiva de saúde e mobilidade. A Iqbal, un mozo inglés de orixe paquistaní que marchou de Londres tras os atentados no metro en xullo de 2005 e que bota horas e horas no Luzada conectado a Internet, no mesmo ordenador que Mohamed mira de cando en cando con medo de que as palabras se convertan en ferramentas de transmisión do odio. Saberemos da señora Filomena, cuxo fillo está en misión humanitaria co exército en Darfur e que sofre ao ver nos xornais os froitos da violencia e da guerra. De Manuel, un neno africano que non superou a morte da súa nai adoptiva e que ten no seu avó a súa principal compañía. Tamén dunha muller que agarda por unha chamada que non chega, a dos sobriños que intentan entrar en España cruzando o valado da vergoña que separa mundos en Melilla, ou de Aysel, vítima do amor e da indiferenza que Occidente amosa ante a represión do pobo kurdo polo goberno turco."

RESUMO II
Na Luzada, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes de ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño… O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”                                   

                                                        TEMAS E VALORES
Dado o seu carácter coral, serían moitos os temas e valores presentes na novela, de entre todos eles podemos salientar os seguintes:
A incomunicación: tema fío que atravesa todas as historias do libro e que se amosa en diversas variantes que na maioría dos casos derivan nun sentimento fondo de soidade.
A vellez: o desarraigo das persoas anciás que teñen que abandonar o seu medio na aldea para ir vivir á cidade
A globalización: a maneira en que uns feitos que poden resultar distantes no espazo poden influír de xeito decisivo nas nosas vidas.
A violencia de xénero: a visión dos maltratados e a dos maltratadores, o problema considerado desde diversas ópticas e fuxindo dunha visión maniquea e simplista.
A integración: a forma en que diferentes persoas estranxeiras se adaptan á nosa realidade, a mestura de civilizacións que podemos atopar ao noso redor.
A paz: desde diferentes perspectivas a través de diversos conflitos que teñen lugar ao redor do mundo.
A solidariedade: tanto co distante como co veciño máis próximo.
A morte: como feito cotián co que debemos convivir.

AS HISTORIAS
Lola e Eusebio
Patricia e Iqbal
O avó e o neto
Quays e Layla
Aysel e Daray
A Sra. Filomena e Raúl
Adolfo, Fiño e Lucía
Mohamed
Milhomes
Paco
Ana e o domador do medo (Roberto)
A muller-túnica
Os alpinistas do monte Gurugú

2 comentarios: